O día 10 de novembro celebrarase en diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Riveira, Noia, Vigo e Pontevedra) a campaña de sensibilización “Non máis ciclistas mortos nas estradas”, promovida pola Federación Galega de Tríatlon. Esta actividade ten como obxectivo prioritario concienciar ás e aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten as distancias de seguridade.
A Federación decidiu poñer en marcha esta iniciativa xa que “máis dunha morte por semana nas estradas é unha porcentaxe demasiado elevada e temos que facer todo o que estea nas nosas mans para que isto non siga acontecendo”, explicou o presidente da Federación Galega, Paco Villanueva.
Por iso, a Federación Galega púxose en contacto con concellos e deputacións para solicitar a súa colaboración nesta iniciativa, que vai moito máis alá do día 10 de novembro, xa que “o obxectivo é continuar no tempo, facer unha campaña permanente. Así, na próxima tempada en todas as probas entregaremos camisetas co logo da campaña, recordando a necesidade de manter o metro e medio de distancia cos ciclistas na estrada”. Desta forma, a Federación tamén pediu ás institucións que “coloquen sinais nas estradas (da súa titularidade) chamando á precaución por ser rutas de ciclistas”.
Nos próximos días celebraranse roldas de prensa locais de presentación das diferentes actividades nas que se invitará a todas e todos os cidadáns a participar nestas concentracións deportivas de sensibilización. Nas diferentes probas haberá camisetas, pancartas e carteis co lema “Non máis bágoas: Respecta o seu espazo”. Hai que recordar o gran esforzo económico que está a facer a Federación Galega para emprender esta campaña “que debería corresponderlle ás institucións, xa que é un asunto que nos afecta a todos” e anima a todos e todas a participar nas mesmas. Hai uns días, coincidindo coa celebración do día da Bicicleta en Carballiño, xa se presentou a campaña, que a partir de agora estará presente en todas as actividades da Federación Galega de Tríatlon.
No hay comentarios:
Publicar un comentario